www.CostaWeb.es

Enseñanza, Diseño Web e Informática

 
 
 
 
 



Jesús Vázquez: "A consulta ós pais sobre o idioma é un compromiso que segue enriba da mesa"
 
 Enviada o 16/01/2011 na categoría: Novas
Logo dun ano e dez meses de chegar á Consellería, teima en criticar o que tacha de imposición do galego por parte do Bipartito e insiste en que non hai maior democracia que escoitar os pais. A lei de convivencia facilitará estas consultas que o Consello Consultivo rexeita


Jesús Vázquez asumiu hai un ano e dez meses unha das consellerías máis polémicas do Goberno Fei­jóo. Sobre el recaeu a encomenda de poñer en marcha o decreto de plurilingüismo que promove o en­sino en galego e castelán a partes iguais e a introdución do inglés. O PPdeG prometeu tamén con­sultar os pais sobre o idioma no que desexan que estuden os seus fillos, pero ante as dúbidas sobre a súa legalidade manifestadas polo Consello Consultivo, a enquisa non foi realizada este curso. Edu­cación acaba de presentar o borrador da Lei de conviven­cia e participación que podería servir para amparar a consulta. Vázquez é partidario de que os pais decidan que materias queren que se estuden en galego e cales en castelán. "Non hai maior democracia que escoitar as familias", subliña, malia que o Consello Consultivo asegurou que a Constitución deixa claro que son os poderes públicos os que deben programar o ensino.

¿A Lei de convivencia e partici­pación converterase na lei que prometera Feijóo para garantir a consulta aos pais sobre o idioma no ensino?

A lei ampara que a administración educativa poida solicitar información, nalgún caso será información de carácter orientativo e noutros casos será un grao de vinculación maior. En ningún momento se referirá a aspectos de proxecto educativo.

Varios sindicatos acusan a Xunta de artellar unha trampa legal despois de que o Consello Consultivo dubidase da constitucionalidade da consulta.

Acaba de coñecerse que se lle rexeitou á CIG o recurso que presentara cando foi a primeira enquisa ós pais. Pídolle que reflexionen e escoiten a sociedade, que non ataquen con críticas estériles un Goberno que está tratando de buscar as mellores solucións para o ensino. Eles tiveron o seu momento de poder co anterior Goberno e pro­vocaron o que se provocou. Nós rexeitamos as imposicións e non hai maior democracia que escoitar as familias.

¿Haberá consulta no próximo curso?

Evidentemente. A semana pas­ada envióuselle o texto do anteproxecto de lei ó observatorio da convivencia e ós consellos esco­lares. Antes de que remate o mes vaise convocar para quen queira presentar as alegacións oportu­nas, de aí levarase ó consello de goberno e ó parlamento. Estará aberto a todo tipo de alegacións. Pero de toda a sociedade, o que non pode facer un sindicato é pre­tender gobernar toda a sociedade en contra da súa vontade.

¿Por que non se convocou antes este observatorio?

A min critícaseme que traballe nas vacacións [o anteproxecto de lei de convivencia presentouse en Nadal]. Dise ademais que non se convocou o observatorio da convivencia, si que se convocou e díxoselles que se lles daría par­ticipación, e déuselles o borrador para que poidan facer todo tipo de alegacións e volverase reunir nos próximos días.

A nova lei daralles rango de autoridade pública ós profesores ¿Hai tanta conflitividade nas aulas?

Si é necesario, a consideración social do profesorado leva caído ó lon­go da década. Encóntranse con maior agresividade dentro das aulas, o 40% do tempo do profesorado dedícase a manter a orde. En Alemaña ou Suecia non en­tenden o que está a pasar en Es­paña co profesorado, alí goza dun alto nivel social, ten prestixio. Aí houbo gobernos intelixentes que souberon facer políticas preocu­padas polo esforzo do alumnado, polo respecto do profesorado, pola autoridade, pola excelencia académica. Aquí non.

Refírese ás leis estatais?

Aquí puxéronse en marcha leis como a LOE, un max-mix da LOXSE que tanto fracaso xerou, onde consolidas que un alumno poida pasar dun curso a outro con catro materias. En lugar de primar o esforzo estás instalando actitudes que están facendo fracasar a todas as xeracións.

¿Hai entón graves casos de con­flito escolar en Galicia?

Temos indicadores moito máis baixos que no resto de Es­paña. Con que só haxa un caso tes que tratar que non exista e para iso tes que elaborar medidas preventivas. Esta lei tamén con­templa o acoso escolar, o ciberbu-l­lying, e establece en todos os centros a posibilidade de realizar un plan de medidas preventivas para evitar que o que podería ser a etapa máis bonita da vida se converta nun pesadelo. Si que hai un problema real.

¿Que fará a lei para rebaixalo?

Prevé a figura do media­dor e en situacións máis graves a figura do mediador profesional, ademais de plans de formación do profesorado.

A norma abre a porta ó uniforme nos centros públicos.

A lei o que di é que os centros poderán regular cuestións rela­cionadas coa vestimenta e será o consello escolar quen o decida. Ábrese a porta ó uniforme se o consello escolar o decide. Xa hai un caso, no Álvarez Limeses de Pontevedra. Neste ano e medio que levo na consellería encontre­ime con pais que o viñan solici­tando. O que facemos é tratar de regular, para que o centro poida establecelo, non estamos falando de imposición. Buscamos que os pais decidan sobre moitos aspec­tos do que é a vida dos seus fillos, deben de ter ese dereito.

¿Por que se deixa en mans de cada centro e se per­miten ou non o veo islámico?

Este Goberno cre na liberdade, na autonomía dos centros, cre que os centros deben ter o seu pro­pio proxecto educativo. Alí onde os centros poidan impoñer o seu propio modelo, non debe intervir a administración.

Para mellorar a autonomía dos centros estase a falar dos contratos-pro­grama ou de primar os centros nos que os seus alumnos acaden mellores resultados.

É un proxecto que propuxo o ministerio e é aínda unha me­dida para desen- volver. A conse­cución de resultados supón para ese centro beneficios, que poden ser económicos ou doutra índole.

Con medidas como a posibilidade de estudar máis inglés nuns de­terminados colexios ou de ter or­denadores nas aulas poderían aparecer centros de primeira e de segunda?

Non.Todos os partidos veñen de­mandando que os centros teñan a súa autonomía para desenvolver o seu proxecto educativo e poidan levar a cabo as súas prácticas de excelencia e calidade educativa. O que estamos falando é de que os centros teñen que competir en prol da excelencia. É bo que poidan competir e lograr mellores prácticas que poidan ser postas en común. A última avaliación de diagnóstico de Galicia amosa un gran grao de homoxenización, a maior parte dos alumnos móvese nun nivel medio.

¿Que tal vai a implantación do decreto do plurilingüismo? ¿Hou­bo algún insubmiso que se nega a impartir a materia en castelán?

Ningún. A co­munidade educativa comprendeu o que era a política en materia de linguas da con­sellería. Galicia é unha comuni­dade bilingüe.

Poren recibiu numerosas críti­cas. ¿Cales ve máis duras, as da CIG ou as de Galicia Bilingüe?

Podería falar en ambos os sentidos, pero o único que fai é redundar en máis críti­cas. Nós tiñamos un compromiso electoral que estamos a cumprir. Non foi bo para o galego a imposición que se levou a cabo na etapa do Bipartito, penso que se lle fixo un dano terrible, que provocou un rexeitamento moi grande. A sociedade non quere renunciar ó galego, pero tampou­co ó castelán. O que persegue o decreto é que os rapaces teñan competencias iguais en galego ou en castelán e nunha terceira lingua, preferentemente inglés. Ata agora só aquelas persoas que tiñan re­cursos podían enviar un fillo estudar linguas fóra, agora ofrécelles esa oportunidade a todos os galegos.

¿Para o curso que vén cantos centros plurilingües pensan pór en marcha?

Este ano hai en marcha 58 centros plurilingües, maioritariamente públi­cos. O ano que vén haberá unha nova convocatoria e imos avaliar como o fixo cada centro este curso.

¿Traballan xa os rapaces nas aulas cos ordenadores do pro-xecto Abalar?

Rematou a fase de instalación e de formación dos coordinadores que formarán á súa vez o profesorado para poder tra­ballar na aula cos portátiles. Son 700 aulas informatizadas tanto no rural como nas cidades, e o ano que vén haberá 30.000 rapaces.

Fuente: http://www.galiciahoxe.com/vivir-hoxe-aulas/gh/jesus-vazquez-consulta-pais-idioma-un-compromiso-segue-enriba-da-mesa/idEdicion-2011-01-16/idNoticia-630318/


Entradas relacionadas:
 

Páginas Amarillas

Buscador Paginas Amarillas
Ver web ]

Ver enlaces interese
INELBA Instalaciones y servicios.
Inelba, le ofrecemos una amplia gama de servicios relacionados con las instalaciones y montajes eléctricos en general y las telecomunicaciones.  [ Ver web ]
Lampón Lampón Abogados.
Nuestra filosofía se centra en prestar asesoramiento jurídico personalizado y adecuado a las circunstancias personales de cada caso.  [ Ver web ]
Boxers do Agro das Viñas
Vos presentamos unha web onde se exhiben uns fermosos cans de competición de raza Boxer.  [ Ver web ]
Ver tódalas nosas webs
 
Portada | Diseño web | Publicidade | Informática | Contacto | ¿Dónde estamos?
© 2007 - 2015 www.CostaWeb.es   Tódolos dereitos reservados.