www.CostaWeb.es

Enseñanza, Diseño Web e Informática

 
 
 
 
 



CULTURA Francisco Pillado: “A Feijóo Galicia interésalle como lugar de devastación, só pretende facer méritos”
 
 Enviada o 15/01/2011 na categoría: Novas
CULTURA

Francisco Pillado: “A Feijóo Galicia interésalle como lugar de devastación, só pretende facer méritos”

>> "Pasados moitos anos, será lembrado polo libro ‘55 mentiras sobre a lingua galega’ como Franco será recordado pola morte de Lorca"

>> "O IGEA ese que preside Quintana non me parece serio, pero os puntos sobre os is xa os puxo Pilar García Negro en Xornal"


Dramaturgo, investigador teatral, activista, editor e “pianicida”, engade con humor, Francisco Pillado (A Coruña, 1941) é ademais director de Laiovento. Unha editora que comezou a publicar as palabras expulsadas pola normativa oficial a comezos dos noventa e acabou loitando polo evidente: a normalización da lingua en tempos de recesión económica e demagoxia plurilingüista. Polo camiño, para varias xeracións de lectores foi o selo de Alain Badiou, Slavoj Zizek ou Pierre Bourdieu en galego.



Para darlles acubillo ás heterografías do galego e para que máis se bota Laiovento a editar libros nos anos noventa?

Fundamentalmente por iso. Unha vez, na revista do Facho, fixemos un número dedicado a Armando Cotarelo, para que lle dedicasen o Día das Letras. Pedímoslle un traballo a Carvalho Calero e escribiuno na súa normativa. Logo fomos á Xunta pedir unha subvención: todo ía ben até que o que tiña que asinar soubo que tamén colaboraba o profesor. De alí a un tempo cruceime por Compostela con Ramón Piñeiro e díxenllo. Expliqueille que me parecía un esperpento que, logo de corenta anos de ditadura, chegasemos á democracia e Calero estivese censurado. Sabe o que me contestou? “É que vós queredes un código de circulación que diga que todo o mundo ten que circular pola dereita agás Carvalho Calero”. Non era iso, como se demostrou. Cando se acadou unha normativa de consenso, acatámola.



De publicar a Badiou e a Bourdieu en galego a loitar polo evidente: a normalización lingüística. Non é algo amargo?

Nós publicabamos ensaio porque era necesario publicar ensaio. O nome da editorial obríganos: “Laiovento” está tirado de Vento nouturnio, unha obra dramática de Otero Pedrayo. Non tiña sentido crear unha editorial para reproducir os esquemas que xa existían en Galicia. Como dicía Jacinto Benavente, “bienaventurados mis imitadores porque de ellos serán mis defectos”. Publicando ensaio demostrabamos que o galego era unha lingua válida para calquera uso. A primeira tradución de Zizek no estado español foi nosa, e non nos custou nada. Chomsky, Bourdieu e Badiou tamén renunciaron aos seus dereitos de autor para que os publicase Laiovento.



E de súpeto chega Feijóo.

De súpeto hai un retroceso feroz e hai que dar unha resposta á desinformación e a berlusconización das mentes. Fronte ás estupideces de Jesús Vázquez, o conselleiro de Educación, pensamos que había que dar alternativas pedagóxicas. Feitas por expertos, ollo, non por diletantes, porque Anxo Lorenzo só será recordado como un parvo útil do que o PP se desfará unha vez que o amortice. E de aí veñen os libros de Goretti Sanmartín, Pilar García Negro, Xosé Henrique Costas –55 mentiras sobre a lingua galega, o máis vendido da historia da editorial– e Xosé María Álvarez Cáccamo. Pasados moitos anos, Feijóo será recordado polo libro de Costas, como Franco será recordado pola morte de Lorca.



Poden Feijóo e a crise económica levar por diante Laiovento?

Poden, pero nós trataremos de facer o imposíbel. Entre outras cousas terían que conculcar a lei, porque teñen a obriga de mercar para a rede de bibliotecas os libros que se publican en Galicia.



É máis difícil este intre que o inicial?

Son complicados porque temos un goberno nefasto, inimigo do maior sinal de identidade do país, que é a lingua. O goberno da Xunta non goberna para Galicia, senón para a FAES. Está clarísimo. Saben que atacando o idioma atacan o sistema inmunolóxico do país. Que se agocha atrás de todo isto? A privatización de todo, o esboroamento das conquistas sociais da clase traballadora. Cando Núñez Feijóo toma posesión, nun acto de cinismo, vai visitar o Panteón de Galegos Ilustres, cando pouco antes membros do seu partido se manifestaran con Galicia Bilingüe e Falange Auténtica. Por que vai Feijóo ao panteón e non onde debe ir, que é o Val dos Caídos? Para gañar credibilidade. A desgraza desa xente é que para lavar a súa imaxe ten que recorrer aos seus hipotéticos inimigos. Non é patético que a Fraga lle entreguen o Premio Otero Pedrayo? Non foi acaso un persecutor do galeguismo? Non multaba os artigos? Non censuraba obras que nós tiñamos que conseguir na Arxentina?



Era tan diferente Fraga da xeración política que goberna con Feijóo?

No estado español non houbo transición, houbo unha transacción: os franquistas autoindultáronse e chegaron a ser pais dunha constitución democrática. Imaxina que acontecese algo semellante en Alemaña tras o nazismo? Entre Fraga e Feijóo hai algunha diferenza. Cando veu a Galicia, Fraga sabía que o máximo ao que podía aspirar, pola idade, era a ser presidente da comunidade autónoma na que nacera. Feijóo é distinto. É máis novo, e ambicioso. Quere facer carreira, e sabe que facer carreira é obedecer os ditados da FAES. Como aqueles militares españois que ían matar mouros a África para facer méritos. A Feijóo Galicia non lle interesa máis que como un lugar de devastación.



Iso que leva na lapela da chaqueta é o pin de ProLingua. Cre que a aparición de novas plataformas apartidarias en defensa da lingua é un dos efectos colaterais positivos desta situación?

Por suposto. Non se pode identificar ningún idioma cun só partido ou unha soa ideoloxía. Eu non son tan cretino para identificar o español con Franco. Son moi feliz lendo a Miguel Hernández, e cada dous anos releo El Quijote. Non odio o español porque non o asocio a ningunha ideoloxía en concreto.



Que lle parece a achega de Monteagudo á renovación do discurso galeguizador, o “bilingüismo restitutivo”?

Non son partidario de abrir guerras civís entre nós. O IGEA ese que preside Anxo Quintana non me parece serio. O seu paso pola Xunta foi nefasto, permitiu entre outras cousas que outra ignota, Ánxela Bugallo, fose conselleira de Cultura. Non quero entrar nesa polémica, os puntos sobre os is xa os puxo Pilar García Negro en Xornal. Esta mala conciencia dos galego falantes, isto de que se cadra nos pasamos, non a teñen os castelán falantes. É puro masoquismo

Fuente: http://www.xornal.com/artigo/2011/01/09/cultura/feijoo-galicia-interesalle-lugar-devastacion-so-pretende-facer-meritos/2011010923330000501.html


Entradas relacionadas:
 Lingua galega: "Bocaberta" estará en Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Boiro e Muros durante esta fin de semana
 Política: o ribeirense Manuel Ruiz Rivas, voceiro do PP, resposta sobre lingua galega
 Opinión Conclusións da Asemblea Xeral de socios/as da Asociación de Escritores en Lingua Galega
 Lingua galega: profesores do colexio de Aguiño participaron nunha xornada de formación como gañadores dun dos mellores proxectos de dinamización lingüística de 2010
 En mi casa se habla...(ou a lingua galega como coartada e ben publico privatizado)
 Dez medios únense para concienciar da importancia da comunicación en galego
 O Consello da Cultura Galega manifesta o seu fondo pesar polo falecemento do histórico intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo
 A importancia de chamarse galego
 No Baixo Miño en galego
 

O sitio da Festa da Dorna

Páxina web oficial da Cofradía da Dorna
Ver web ]

Ver enlaces interese
INELBA Instalaciones y servicios.
Inelba, le ofrecemos una amplia gama de servicios relacionados con las instalaciones y montajes eléctricos en general y las telecomunicaciones.  [ Ver web ]
Lampón Lampón Abogados.
Nuestra filosofía se centra en prestar asesoramiento jurídico personalizado y adecuado a las circunstancias personales de cada caso.  [ Ver web ]
Boxers do Agro das Viñas
Vos presentamos unha web onde se exhiben uns fermosos cans de competición de raza Boxer.  [ Ver web ]
Ver tódalas nosas webs
 
Portada | Diseño web | Publicidade | Informática | Contacto | ¿Dónde estamos?
© 2007 - 2015 www.CostaWeb.es   Tódolos dereitos reservados.