www.CostaWeb.es

Enseñanza, Diseño Web e Informática

 
 
 
 
 



Porto do Son: o Psoe considera "inaprazable" que a Xunta protexa o castro de Baroña e adique unha partida orzamentaria a iso
 
 Enviada o 10/03/2011 na categoría: Novas
Lage considera que mentres "o goberno galego segue enterrando centos de millóns de euros na Cidade da Cultura, contedor cultural que non se sabe para que serve, está a desprotexer o castro de Baroña, patrimonio cultural galego". Pola súa banda, o conselleiro de Cultura comprometeuse a incoar expediente BIC neste cuadrimestre (marzo ou abril) e di que agora se realizan máis traballos arqueolóxicos que no bipartito


O deputado barbanzano do PSdeG-PSOE José Manuel Lage Tuñas interviu hoxe no Pleno da Cámara para interpelar ao goberno galego sobre o motivo polo cal a Consellería de Cultura e Turismo non dispón dunha partida dedicada á urxente actuación da restauración e protección do Castro de Baroña.

Lage Tuñas recordou que “foi o propio presidente da Xunta o que dixo que a axuda para protexer o castro de Baroña tiña que vir de fóra, pero nós cremos que a consellería de Cultura deste país ten que protexer o noso patrimonio e non botar balóns fóra.” O deputado do PSdeG-PSOE ve “inaprazable” que a Xunta de Galicia protexa o castro de Baroña e pídelle que destine unha partida orzamentaria á aplicación urxente do plan especial de protección do citado xacemento.

Lage Tuñas manifestou na súa intervención que “o goberno galego segue a enterrar centos de millóns de euros na denominada “cidade da cultura”, contedor cultural que segue sen saberse moi ben para que serve ao mesmo tempo que asistimos á desprotección do castro de baroña, patrimonio cultural de tódalas galegas e galegos”

Asegurou que “esta grave contradicción no ámbito da cultura e do patrimonio require doutra política diferente á que está desenvolvendo o goberno galego en materia de protección do patrimonio cultural.”



Ben de Interese Cultural

Sinalou tamén que “é fundamental o recoñecemento do castro de Baroña, sito no concello de Porto do Son (A Coruña) como ben de interese cultural BIC)” e asegura que “despois de vintetrés meses de goberno presidido por Núñez Feijóo con ausencia de noticias sobre a xestión do goberno galego nesta materia, entendemos que é preciso facer un balance da situación na que se atopa o recoñecemento cultural e patrimonial do castro de Baroña.”

Os socialistas galegos queren que en 2011 se declare BIC (ben de interese cultural) o castro de Baroña, despois de dous anos “en blanco”, “onde a consellería de Cultura non tramitou o expediente administrativo que agora anuncia a bombo e platillo.” apunta Lage Tuñas.

O conselleiro de Cultura recoñeceu que a Xunta aínda incoará o expediente no primeiro cuadrimestre deste ano, tendo prevista a súa culminación administativa e declaración definitiva a finais de ano.

“Esto demostra que este goberno durante os anos 2009 e 2010 non fixo absolutamente nada respecto da tramitación do castro como BIC” advertiu José Manuel Lage.

Partida para urxente actuación no castro de Baroña

O parlamentario socialista explicou que “os socalistas galegos defendemos en moitas ocasións a importancia de poñer en valor o noso patrimonio histórico e cultural, e a necesidade de que os poderes públicos adopten decisións encamiñadas a acadar este obxectivo amplamente compartido pola sociedade galega.”

Na súa intervención reclamou ao conselleiro de Cultura que adique unha partida orzamentaria ao coidado, restauración e protección do castro de Baroña, patrimonio de tódolos galegos e galegas, e que está sufrindo un serio deterioro pola inacción da xunta de Galicia, que é a administración competente en materia de protección do patrimonio cultural.

“Así as cousas consideramos urxente que o Goberno Galego adique unha partida económica neste ano 2011 para a execución das actuacións urxentes previstas no plan especial de protección do citado xacemento, nos prazos que sexa posible e seguindo os criterios técnicos do citado plan.”

Por todo isto Lage Tuñas considera imprescindible que a Xunta de Galicia proceda a:

1.-Concluír, durante o ano 2011, os trámites do correspondente expediente para a declaración do castro de Baroña, sito no concello de porto do son (A Coruña), como ben de interese cultural (BIC).

2.-Dispoñer unha partida orzamentaria para a urxente actuación de restauración e protección patrimonial como fixa o plan especial de protección do castro de Baroña (Porto do Son- A Coruña).

Réplica da Xunta de Galicia:

Roberto Varela comprométese a incoar o expediente de declaración BIC do Castro de Baroña neste primeiro cuadrimestre de 2011 e di que o castro é de titularidade estatal


Santiago, 10 de marzo de 2011. - O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, informou hoxe no Parlamento de Galicia do estado do Castro de Baroña (Porto do Son) e das próximas actuacións previstas neste ben arqueolóxico. Na súa intervención, o conselleiro comprometeuse a que "dentro deste primeiro cuadrimestre de 2011, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, incoará o expediente de declaración de Ben de Interese Cultural do Castro de Baroña", feito que permitirá que a declaración BIC sexa efectiva antes de que finalice o presente ano.

Roberto Varela tamén anunciou que ao longo deste ano 2011 vanse levar a cabo diferentes traballos de mantemento e conservación naquelas zonas do xacemento que así o precisen, de acordo co disposto no Plan Especial de protección do Castro de Baroña. Varela asegurou que "se está a respectar o recollido no Plan Especial que, en relación a área de protección do Castro, contempla que -mentres non se redacte un Plan Director- as únicas obras autorizables serán aquelas que teñan un carácter urxente, en razón do mantemento e conservación do xacemento". De todos xeitos, o conselleiro recordou que "o Castro é de titularidade estatal, polo que , con independencia da nosa actuación, o primeiro deber e obriga de conservalo corresponde ao seu propietario".

O titular de Cultura e Turismo salientou que, despois de 14 anos sen actuacións arqueolóxicas no seu ámbito, a Secretaría Xeral para o Turismo, encargou no ano 2010 un estudo de Levantamento topográfico, documentación e estado actual do Castro de Baroña. Segundo o conselleiro, "a documentación recompilada neste estudo nos permite valorar o estado actual do xacemento de cara a tomar as medidas que teñan un carácter urxente, e garante dispor da información básica para o futuro Plan Director previsto no Plan Especial, a realizar no prazo de 2 anos".

A memoria deste estudo foi presentada á Consellería recentemente, e nela recóllese a documentación dos traballos levados a cabo, que consisten na documentación gráfica e fotográfica actualizada do Castro e dun levantamento topográfico detallado e xeo-referenciado. Asemade, elaboráronse fichas de rexistro individualizadas, que recollen o grao de conservación de cada unha das estruturas, as súas patoloxías e os axentes de alteración. En concreto, no estudo se resaltan como dous tipos de axentes de impacto: os naturais, como a erosión mariña a longo prazo, ou a chuvia e o vento nas superficies descarnadas; e os antrópicos, sobre todo causados nas zonas de tránsito das visitas masivas, e por actitudes agresivas ou de vandalismo.

O estudo destaca o carácter de conservación estable da maior parte das estruturas consolidadas nas campañas dos anos 80 e 90. Estruturas denominadas no documento ‘estabilizadas’, que constitúen a maior parte do xacemento e nas que non se identificaron afeccións que supoñan un perigo para a súa conservación. Nas conclusións, tan só se indican seis zonas puntuais de ‘impacto crítico’, sobre todo de estruturas que non foron obxecto de consolidación nesas campañas e na zona de entrada, a de máis tránsito, e que serán fundamentalmente aquelas sobre as que se vai a actuar este ano. Segundo o conselleiro, "con estas actuacións queda perfectamente garantida a protección e conservación deste ben senlleiro do noso patrimonio".

Roberto Varela recordou que "nestes dous primeiros anos de lexislatura vimos de promover 270 intervencións en xacementos espallados por todo o noso territorio", como as realizadas no Castro de Viladonga, no Castro de Formigueiros, na Ermida de San Guillerme, no Xacemento romano de Cidadela ou no Castro das Barreiras. Nesta liña, Varela apuntou que a pesar do actual contexto de contención do gasto público autonómico, "no 2010 realizáronse máis intervencións sobre o patrimonio arqueolóxico galego que, por exemplo, nos anos 2005 ou 2008, nos que a conxuntura económica era moito máis favorable".

Fuente: http://certo.posterous.com/porto-do-son-o-psoe-considera-inaprazable-que


Entradas relacionadas:
 

Visita a fraga do Triskel

Páxina web da taberna o Triskel en Ribeira
Ver web ]

Ver enlaces interese
INELBA Instalaciones y servicios.
Inelba, le ofrecemos una amplia gama de servicios relacionados con las instalaciones y montajes eléctricos en general y las telecomunicaciones.  [ Ver web ]
Lampón Lampón Abogados.
Nuestra filosofía se centra en prestar asesoramiento jurídico personalizado y adecuado a las circunstancias personales de cada caso.  [ Ver web ]
Boxers do Agro das Viñas
Vos presentamos unha web onde se exhiben uns fermosos cans de competición de raza Boxer.  [ Ver web ]
Ver tódalas nosas webs
 
Portada | Diseño web | Publicidade | Informática | Contacto | ¿Dónde estamos?
© 2007 - 2015 www.CostaWeb.es   Tódolos dereitos reservados.