www.CostaWeb.es

Enseñanza, Diseño Web e Informática

 
 
 
 
 



GALIZA E O FORO SOCIAL MUNDIAL , TRES POTENCIALIDADES
 
 Enviada o 12/02/2011 na categoría: Novas
Manoel Santos, coordinador de Altermundo, participou no Foro Social Mundial en Dakar e desde alí nos relata as súas impresións sobre esta reunión dos movementos antiglobalización de todo o planeta.


Coa asemblea de asembleas, na que se deu conta dos documentos xurdidos nas 38 asembleas temáticas celebradas na Universidade Cheik Anta Dioup de Dakar (Senegal) os días anteriores, rematou hoxe a onceava edición do Foro Social Mundial (FSM), que se achegou por terceira vez a África.

A asemblea de movementos sociais, que adoita marcar a axenda de mobilizacións globais entre foros, estableceu, amais do seu compromiso con moitas loitas xenéricas, como as que fan referencia á soberanía alimentar, a anulación da débeda ou os dereitos dos e das migrantes, algunhas datas para que os movementos antiglobalización se coordinen nos vindeiros meses. Alén das xa clásicas, contra o G8/G20 ou na Conferencia sobre o Cambio Climático (COP-17) de Durban (Sudáfrica) a finais de novembro, sinalaron outras tres. Inspirados nas loitas dos pobos de Tunisia e Exipto, chamaron a que o 20 de marzo sexa un día mundial de solidariedade co levantamento do pobo árabe e africano. Tamén queren facer do 12 de outubro –que tamén é o día da dignidade indíxena– un día de acción global contra o capitalismo e, asemade, xa se están a coordinar para chegar con forza a Río+20, dúas décadas despois do Cumio da Terra de Río de Xaneiro.

Segundo a organización, participaron 75.000 delegadas e delegados de 132 países –sen contar as nacións sen Estado, que no FSM teñen espazos moi salientábeis–, case 1.300 organizacións que desenvolveron 1.200 actividades autoxestionadas, amais doutras decenas que se fixeron, coma sempre, de xeito informal. A presenza de medio milleiro de colectivos africanos, especialmente de mulleres, labregos e labregas e defensores dos migrantes e da libre circulación, é dabondo para concluír que o FSM foi un éxito notábel, por canto a súa expansión como movemento de movementos polas rexións máis desherdadas do planeta é un obxectivo primario. De que outro xeito se pode mudar o mundo se non é dende aquí embaixo?

A delegación da terra nosa

A presenza galega en Dakar andivo pola decena de persoas, entre elas algúns que levan participando nos foros desde que agromaran en Porto Alegre hai xa dez anos, como Xosé Manuel Beiras, que asemade é membro do Consello Internacional do FSM –reúnese os días 12 e 13 en Dakar–, e Camilo Nogueira. E é que malia que a meirande parte do nacionalismo galego, ou mesmo do galeguismo e da esquerda no seu sentido máis amplo, non vexan no FSM e os movementos altermundistas un espazo acaído, ás veces nin sequera racional, a potencialidade destes para situar a Galiza como nación no mundo é indubidábel. De feito, renunciar a estar con toda a presenza posíbel neste espazo, que amorea centos de milleiros de activistas políticos de todo o mundo, semella mesmo irresponsábel, e mais cando non existen moitos espazos de proxección exterior para Galiza como país.

O espazo polos Dereitos Colectivos do Pobos, que se creou no pasado FSM de Belem do Pará (Brasil, 2009), e hoxe xa convertido en Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos, amorea xa uns corenta pobos e nacións con dereitos políticos –e moitas veces sociais, lingüísticos, territoriais…– negados. Ver como quechuas, aimaras, mapuches, corsos, tamiles, kurdos, cataláns –con máis de 100 delegados e delegadas aquí–, bretóns, palestinos e outros moitos pobos de Norteamérica, África e Oceanía comparten espazos e anhelos como os que podemos ter os galegos e galegas é abraiante, amais de enormemente enriquecedor.

Se a proxección exterior da Galiza é unha potencialidade indiscutíbel do FSM, a lingua é outra. O foro naceu nun Brasil de case 190 millóns de falantes en portugués cos que compartimos, sexa ou non con variantes –pequenas– lingua. Entre os centos de milleiros de persoas do mundo que orbitan ao redor do movemento de movementos os galegos e as galegas somos uns privilexiados, amais do único pobo do mundo capaz de se comunicar sen problema algún, por exemplo, con toda América latina, que non é pouca cousa.

O portugués foi en Dakar o segundo idioma despois do francés, pola innumerábel presenza brasileira, que contou mesmo co ex presidente Lula. Este escolleu o FSM para a súa reaparición pública a nivel internacional despois de deixar o Planalto e mudar novamente en cidadán. Mesmo dende o ollar capitalista e mercantilista, por ser Brasil unha potencia emerxida, que non emerxente xa, decapitar a nosa competencia lingüística no idioma propio do país é unha barbaridade.

Por último, a terceira e máis importante potencialidade do FSM ten que ver co pulo que pode dar á esquerda social galega. Os galegos e galegas contamos cun tecido social, cun movemento social, diverso pero moi feble e fragmentado, e o FSM, así como toda a cultura política que está a espallar polo planeta é un lugar hogano imprescindíbel para aprender, establecer alianzas, coller forzas e tamén facer visíbeis as loitas propias a nivel planetario.

Certo é que, por motivos económicos, laborais ou outros moitos, pouca xente do país pode acudir a un FSM, e mais se este non é unha prioridade das organizacións, mais espallar os seus métodos, as súas alternativas, a súa cultura e o seu espítito faise tamén a nivel local. Se o Foro Social Galego de decembro de 2008 foi un camiño, o vindeiro xa debería estar enriba da mesa máis forte e poderoso aínda. Ou alguén coñece outro espazo que poida amorear tanta diversidade social con obxectivos comúns?

Fuente: http://www.galiciaconfidencial.com/nova/7171.html


Entradas relacionadas:
 

Páxina oficial de Riveira

Páxina oficial do Concello de Riveira
Ver web ]

Ver enlaces interese
INELBA Instalaciones y servicios.
Inelba, le ofrecemos una amplia gama de servicios relacionados con las instalaciones y montajes eléctricos en general y las telecomunicaciones.  [ Ver web ]
Lampón Lampón Abogados.
Nuestra filosofía se centra en prestar asesoramiento jurídico personalizado y adecuado a las circunstancias personales de cada caso.  [ Ver web ]
Boxers do Agro das Viñas
Vos presentamos unha web onde se exhiben uns fermosos cans de competición de raza Boxer.  [ Ver web ]
Ver tódalas nosas webs
 
Portada | Diseño web | Publicidade | Informática | Contacto | ¿Dónde estamos?
© 2007 - 2015 www.CostaWeb.es   Tódolos dereitos reservados.