www.CostaWeb.es

Enseñanza, Diseño Web e Informática

 
 
 
 
 



Feijóo obvia que Galicia é unha nacionalidade histórica
 
 Enviada o 02/02/2011 na categoría: Novas
O xefe do Executivo obvia este rango e fala só de “autonomía política”

Nova viaxe a Madrid e nova reflexión en ton sensiblemente duro sobre a articulación do Estado autonómico e cuestións identitarias sen esquecer o ataque frontal ao Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. Primeiro ante as cámaras de Televisión Española e, poucas horas despois, nunha audiencia co Rei, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu onte botar man do ideario máis ríxido da súa formación para censurar os avance estatutarios de autonomías como Cataluña e mesmo para pór implicitamente en cuestión o rango de nacionalidade histórica de Galicia.

En plena resaca das declaracións nas que, de novo, o ex presidente do Goberno José María Aznar cuestionaba a viabilidade e a propia existencia das autonomías por térense, ao seu xuízo, convertido en “mini estados”, Feijóo mostrouse convencido de que as valoracións do líder da FAES non afectan ao caso galego porque, asegura, Galicia “non ten un problema de definición”.

Neste escenario, o presidente asegura que a galega non vai ser das autonomías que “sentan no diván dun psiquiatra para ver que somos” como, asegura, ten feito Cataluña que, no seu Estatut, recoñece, “dixo que é unha nación e que lle corresponde o dereito a decidir”, algo que “non procede en ningún caso”, di.

Tras esta primeira reflexión televisiva, o presidente da Xunta completaba a explicación tras ser recibido polo Rei nunha audiencia na que, entre outros aspectos, Feijóo se gabou de estar a “adelgazar a Administración pública galega” en aras da redución de gasto.

No aparcadoiro dun complexo deportivo próximo ao Palacio de La Zarzuela, o xefe do Executivo relacionaba orzamentos e identidade para concluír que os “gastos excesivos e innecesarios que convén axustar” se producen nas autonomías que “manifestan o seu desexo de convertérense en nacións”. Feijóo mesmo pasa por riba da categoría constitucional de Galicia para diferenciala de Cataluña ou Euskadi. Fuxindo do termo “nacionalidade” que recolle a Carta Magna española, Feijóo sinala que Galicia é unicamente unha “autonomía política”, rango que, ao seu xuízo, “acredita” que “España non é un Estado plurinacional”. Neste sentido, como xa acontecera en anteriores viaxes, Feijóo enfatizou ante a prensa madrileña que “a única nación que existe é a española” algo que, asegura, acontece dende “hai 500 anos”. “O Estado plurinacional é unha cousa e o autonómico é outra”, enfatiza.



CRÍTICAS DE PSDEG E BNG

Mentres Feijóo amosaba en Madrid a súa visión do Estado autonómico e instaba a “analizar correctamente” o duro informe publicado pola Fundación FAES sobre as propias autonomías, no Parlamento de Galicia, os voceiros de PSdeG e BNG censuraban a posición do PP.

Asegura o nacionalista Carlos Aymerich que, de todas as reflexións xurdidas dende as filas conservadoras, pode “coincidir nunha cuestión”, as “contraindicacións” do “café para todos”, sistema que, di, trouxo consigo a “xeralización do Estado autonómico” para “diluír as cuestións nacionais de Galiza, Euskadi e Cataluña”. Neste sentido, Aymerich insta non só a “reducir” polas “autonomías nas que non hai cuestión nacional”, senón tamén a través da fin das deputacións provinciais.

Dende o PSdeG, o seu voceiro, Abel Losada, enmarcaba as actuais propostas do PP nunha “historia política que todos coñecemos” e que inclúe, lembra, “os artigos reivindicando a herdanza dunha grande y libre” asinados por José María Aznar “a finais dos 70”. Alén da FAES, di, “o problema é que o señor Feijóo debería defender Galicia”, pero “non avanza no novo Estatuto” para “reforzar a posición en Madrid”.

Fuente: http://www.xornal.com/artigo/2011/02/01/politica/presidente-cre-ter-categoria-nacion-produce-gasto-innecesario/2011020123581102889.html


Entradas relacionadas:
 

Parque Natural de Corrubedo

Web do Parque Natural de Corrubedo. Subvencionada Consellería de Medio Ambiente. XUNTA DE GALICIA
Ver web ]

Ver enlaces interese
INELBA Instalaciones y servicios.
Inelba, le ofrecemos una amplia gama de servicios relacionados con las instalaciones y montajes eléctricos en general y las telecomunicaciones.  [ Ver web ]
Lampón Lampón Abogados.
Nuestra filosofía se centra en prestar asesoramiento jurídico personalizado y adecuado a las circunstancias personales de cada caso.  [ Ver web ]
Boxers do Agro das Viñas
Vos presentamos unha web onde se exhiben uns fermosos cans de competición de raza Boxer.  [ Ver web ]
Ver tódalas nosas webs
 
Portada | Diseño web | Publicidade | Informática | Contacto | ¿Dónde estamos?
© 2007 - 2015 www.CostaWeb.es   Tódolos dereitos reservados.