www.CostaWeb.es

Enseñanza, Diseño Web e Informática

 
 
 
 
 



Opinión JACQUES RANCIÉRE E O RACISMO DE ESTADO
 
 Enviada o 15/01/2011 na categoría: Novas
Quixera propoñer algunhas reflexións sobre a noción "racismo de Estado". Estas reflexións opóñense a unha interpretación moi espallada sobre as medidas adoptadas en datas recentes polo noso goberno, desde a lei sobre o veo ata as expulsións de xitanos. Esta entende que hai nesas medidas unha actitude oportunista que procura explotar temas racistas e xenófobos con fins electoralistas. Esta pretendida crítica reconduce así a presuposición que fai do racismo unha paixón popular, a reacción medosa e irracional de sectores retrógrados da poboación, incapaces de adaptárense ao novo mundo, móbil e cosmopolita. O Estado é acusado de faltar ao seu principio amosándose compracente cara a estes sectores. Non obstante, ao facelo, reconfórtase na súa posición de representante da racionalidade fronte á irracionalidade popular.

No entanto, esta disposición do xogo, adoptada pola crítica "de esquerdas", é exactamente a mesma que aquela que no seu nome a dereita puxo en marcha hai unha vintena de anos con leis e decretos racistas. Estas medidas foron adoptadas empregando a mesma argumentación: hai problemas de delincuencia e prexuízos diversos causados polos inmigrantes e clandestinos que conducen a facer estourar o racismo se non lle poñemos orde. Cómpre, xa que logo, someter delincuencias e prexuízos á universalidade da lei para que non causen trastornos racistas. Trátase dun xogo que se xoga, tanto na esquerda como na dereita, desde que se promulgaron as leis Pasqua-Méhaignerie en 1993. Consiste en opoñer ás paixóns populares a lóxica universalista do estado racional, é dicir, de darlle ás políticas racistas do Estado un certificado de antiracismo. Xa vai sendo hora de darlle a volta ao argumento e marcar a solidariedade existente entre a "racionalidade" estatal que guía esas medidas e esoutro –ese adversario cómprice– cómodo ao que toma como repelente, a paixón popular. De feito, non é o goberno quen actúa baixo a presión do racismo popular e como reacción ás paixóns populistas da extrema dereita. É a razón de Estado quen alimenta a paixón popular á que confía a xestión imaxinaria da súa lexislación real.

Hai uns quince anos propuxen o termo de "racismo frío" para designar este proceso. O racismo ao que nos enfrontamos hoxe é un racismo frío, unha construción intelectual. En primeiro lugar é unha creación de Estado. Xa discutimos neste encontro sobre as relacións entre o Estado de dereito e o Estado policial. Mais é propio á natureza en si mesma do Estado ser un Estado policial, unha institución que fixa e controla as identidades, os lugares e os desprazamentos, unha institución en permanente loita contra todo excedente no reconto de identidades que realiza; é dicir, contra ese exceso das lóxicas identitarias que constitúe a acción dos suxeitos políticos. Este traballo vólvese máis insistente debido á orde económica mundial. Os nosos Estados son cada vez menos capaces de opoñerse aos efectos destrutivos da libre circulación dos capitais para as comunidades das que son responsables. E tanto máis incapaces posto que non teñen intención de facelo. Entón, vólvense con violencia contra aquilo que está baixo o seu poder, a circulación de persoas. Toman como obxecto específico o control desoutra circulación e como obxectivo a seguridade dos nacionais ameazados por migrantes. Acollen como obxectivo a produción e a xestión do sentimento de inseguridade. Este traballo é cada vez máis a súa razón de ser e o medio da súa lexitimación.

De aí un uso da lei que cumpre dúas funcións: unha ideolóxica de, constantemente, darlle forma ao suxeito que ameaza a seguridade; e outra práctica de reaxustar de forma continua a fronteira entre o "interior" e o "exterior", de crear identidades flotantes, susceptibles de facer caer fóra a quen estaban dentro.

Lexislar sobre a inmigración significou en primeiro lugar crear unha categoría de franceses de segunda: facer caer na categoría flotante "inmigrante" a persoas que naceran en territorio francés de pais e nais franceses. Lexislar sobre a inmigración clandestina significou facer caer na categoría dos clandestinos a "inmigrantes" legais. Esta lóxica é a que está detrás do uso recente da noción "franceses de orixe estranxeira". É esa lóxica a que apunta cara aos xitanos, creando, contra o principio de libre circulación dentro da UE, unha categoría de europeos que non son europeos de verdade, da mesma maneira que hai franceses que non son franceses de verdade. Para crear estas identidades en suspenso o Estado non se preocupa polas contradicións como puidemos ver logo das medidas referidas aos "inmigrantes". Por unha banda, o Estado crea leis discriminatorias e formas de estigmatización baseadas na idea da universalidade cidadá e da igualdade perante a lei. Nese momento son sancionados e/ou estigmatizados todos aqueles cuxas prácticas se opoñen á igualdade e á universalidade cidadá. Pero, por outra banda, o Estado crea no interior desa cidadanía igual para todos discriminacións como a que diferencia aos franceses de "orixe estranxeira". Entón, por unha banda os franceses son todos iguais e coidado cos que non o son; e por outra non todos os franceses son iguais e ollo cos que o esquecen!

O racismo de hoxe responde sobre todo a unha lóxica estatal e non a unha paixón popular. Esta lóxica sostense, en primeiro termo, non por non se sabe moi ben que grupos sociais desfasados, senón por unha boa parte da elite intelectual. As últimas campañas racistas non son en absoluto un feito da extrema dereita dita "populista". Foron levadas a cabo por unha intelligentsia que se reivindica como intelligentsia de esquerdas, republicana e laica. A discriminación xa non se basea sobre os argumentos de razas superiores e inferiores. Arguméntase en nome da loita contra o "comunitarismo", en nome da universalidade da lei e da igualdade de todos os cidadáns con respecto á lei e á igualdade entre os sexos. E neste eido, tamén, non importan as contradicións, xa que eses argumentos veñen de xentes ás que tanto lles ten a igualdade e o feminismo. A argumentación ten sobre todo o efecto de crear a necesaria amálgama para identificar o indesexable, entre inmigrante, desfasado, islamista, machista e terrorista. O recurso á universalidade faise en beneficio do seu contrario: o establecemento dun poder estatal discrecional que decide quen pertence ou non á clase dos que teñen o dereito a estar aquí; o poder de outorgar e suprimir as identidades. Este poder ten o seu correlato: o poder de obrigar aos individuos a ser sempre identificables, a manterse nun espazo de visibilidade integral con respecto ao Estado.

Paga a pena, baixo este ollar, voltar sobre a solución atopada polo goberno ao problema xurídico presentado pola prohibición de levar burka. Xa vimos que era difícil facer unha lei destinada de forma específica a uns centos de persoas dunha relixión determinada. O goberno atopou a solución: unha lei prohibindo en xeral cubrir o rostro nun espazo público, unha lei que afecta ao mesmo tempo á muller que leva o veo integral e ao manifestante que leva unha máscara ou un pano. O pano vólvese así emblema común do musulmán desfasado e do axitador terrorista. Esta solución, adoptada, ao igual que non poucas medidas sobre a inmigración, coa benevolente abstención da "esquerda", débese á fórmula dada polo pensamento "republicano".

Basta con lembrarse das furiosas diatribas de novembro de 2005 en contra deses mozos enmascarados e encarapuchados que actuaban con nocturnidade. E tamén lembrémonos do punto de partida do Caso Redeker, o profesor de filosofía ameazado por unha "fatwa" islámica. O punto de partida da furiosa diatriba antimusulmá de Robert Redeker era... a prohibición do tanga na praia de Paris!

Nesta prohibición, decretada polo concello de Paris, Redeker detectaba certa compracencia cara ao islamismo, cara a unha relixión cuxo potencial de odio e violencia xa se manifestaba na prohibición de estar espido en público. Os fermosos discrusos sobre a laicidade e e a universalidade republicana voltan, en definitiva, ao principio da conveniencia da plena visibilidade en espazo público, sexa pavimento, sexa praia.

Conclúo: gastouse moita enerxía contra unha certa forma de racismo –a encarnada pola Fronte Nacional- e contra unha certa idea dese racismo como expresión dos "pequenos brancos" que representan ás capas máis desfasadas e atrasadas da sociedade. Unha boa parte desta enerxía recuperouse para artellar a lexitimidade dunha nova forma de racismo: racismo de Estado e racismo intelectual "de esquerdas".

Os tempos son chegados para reorientar o pensamento e a loita contra unha teoría e unha práctica de estigmatización, de precarización e de exclusión, que representan hoxe un racismo que se proxecta desde arriba: unha lóxica de Estado e unha paixón da intelligentsia.

Tradución ao galego de Xabier Ron. Orixinal francés en www.mediapart.fr/node/92825. Intervención do filósofo Jacques Rancière no encontro, "Les Roms, et qui d’autre?" (Os Xitanos, e quen máis?), que tivo lugar en Montreuil o 11 de setembro de 2010. Na foto, feita por Hendrik Speck, o propio Jacques Rancière.

Fuente: http://www.galiciahoxe.com/index_2.php?idMenu=84&idNoticia=627774&idEdicion=1861


Entradas relacionadas:
 

Museo de Artes

Páxina web do museo de Artes
Ver web ]

Ver enlaces interese
INELBA Instalaciones y servicios.
Inelba, le ofrecemos una amplia gama de servicios relacionados con las instalaciones y montajes eléctricos en general y las telecomunicaciones.  [ Ver web ]
Lampón Lampón Abogados.
Nuestra filosofía se centra en prestar asesoramiento jurídico personalizado y adecuado a las circunstancias personales de cada caso.  [ Ver web ]
Boxers do Agro das Viñas
Vos presentamos unha web onde se exhiben uns fermosos cans de competición de raza Boxer.  [ Ver web ]
Ver tódalas nosas webs
 
Portada | Diseño web | Publicidade | Informática | Contacto | ¿Dónde estamos?
© 2007 - 2015 www.CostaWeb.es   Tódolos dereitos reservados.