www.CostaWeb.es

Enseñanza, Diseño Web e Informática

 
 
 
 
 



O paro segue a medrar máis en Galicia ca en España
 
 Enviada o 02/02/2012 na categoría: Novas
Durante o mes de xaneiro, o paro incrementouse en Galicia en 13.050 persoas (5,05%), a quinta maior suba total de España e a sexta en termos porcentuais. Isto sitúa a actual cifra de parados e paradas como a maior de toda a historia. Valoracións de CC.OO e PSDeG no interior.


A suba é 1,04 puntos superior á do conxunto do Estado, que tivo un incremento do 4,01%. O 51,41% das persoas desempregadas son mulleres (139.477, por 131.807 homes), os mozos e mozas menores de 25 anos en paro suman 22.656 (o 8,35% do total, 0,04 puntos máis ca no mes de decembro). En comparación co mes anterior, o paro medrou un 5,30% nas mulleres e un 4,80% nos homes. Entre os menores de 25 anos incrementouse o 5,62% —nas mozas, o 5,95%, nos mozos, o 5,36%—. Nos maiores de 24 anos, o incremento do paro foi do 5% —nos homes, un 4,74%, nas mulleres, o 5,25%.

Análise por sectores e interanual

Aínda que o paro aumentou en todos os sectores, a maior suba en termos absolutos e relativos deuse no sector dos servizos, con 9.132 persoas paradas máis (un 6,60% máis). En España, o desemprego tamén medrou en todos os sectores. Comparando con xaneiro de 2011, o resultado é un incremento do desemprego en case todas as ramas de actividade; só descende un 2,28% (657 persoas) entre o colectivo sen emprego anterior, e medra especialmente nos servizos en termos absolutos (13.870 persoas), mentres que en relativos faino na construción (17,82%).

Respecto a xaneiro de 2011, o paro aumentou en Galicia en 25.453 persoas, un 10,35% (o noveno maior incremento de España). Esta porcentaxe supera a media estatal en 1,64 puntos. Por sexos, hai 16.109 homes máis en paro e 9.344 mulleres máis, aumentos do 13,92% e o 7,18% respectivamente. Entre as mozas e mozos menores de 25 anos subiu o desemprego un 2,37% con respecto ao ano pasado. E nos maiores de 24 anos o aumento foi dun 11,14%, influído sobre todo polo crecemento do 15,37% que se deu na poboación masculina —nas mulleres, a medra foi do 7,52%.

Análise da contratación

En xaneiro asináronse en Galicia 47.469 contratos (189 menos ca no mes pasado), o que supón unha caída do 0,4% con respecto a decembro. Do total de contratos asinados, o 7,80% (3.702) foron indefinidos, 1,73 puntos máis que no mes anterior. No conxunto de España, este tipo de contratación supuxo o 7,31% da contratación total, 0,49 puntos menos que en Galicia. Formalizáronse, ademais, 43.767 contratos temporais. En relación a decembro, a contratación indefinida aumenta nun 27,88% e a temporal cae un 2,23%. As mulleres asinaron o 50,4% do total de contratos e o 40,65% dos indefinidos; as mozas e mozos asinaron o 15,96% do total e o 11,94% dos indefinidos.

En termos interanuais formalizáronse 4.838 contratos menos que en xaneiro de 2011, un descenso do 9,25%. A contratación indefinida sofre unha caída do 30,48% (1.623 contratos menos) e a temporal do 6,84% (3.215 menos). Estes datos son similares aos do Estado, onde caeu a contratación indefinida un 26,12% e a temporal o 4,99%.

Afiliación á Seguridade Social

Xa que o Instituto Nacional da Seguridade Social non desagregou os datos por provincias e por comunidades autónomas, non podemos ofrecer nin o total de persoas que cotizan de Galicia nin a súa variación, como tampouco os datos referidos ao réxime especial agrario. No ámbito estatal, a afiliación caeu un 1,65% (283.685 menos).

Da análise por réximes salienta a diminución do número de persoas que cotizan nos diferentes réximes, a comezar polo xeral, onde cae o 2,32% (16.255), un 0,82% nos autónomos, un 1,68% no especial do mar, un 60% no da minaría e o carbón, mentres que no de empregadas do fogar o descenso é do 5,04%, pero aquí cómpre ter en conta que parte destas baixas pasaron a ingresar no réxime xeral —en España representan o 70%—. En termos interanuais, no réxime xeral o descenso foi do 4,15%, nos autónomos do 1,85%, no do mar do 1,60%, na minaría e o carbón do 75% e no especial do fogar do 5,09% —coa mesma advertencia.

Valoración de CC OO

Os datos do paro rexistrado e da afiliación á seguridade social publicados hoxe evidencian, para CC OO, que as «duras» políticas de axuste económico aplicadas, tanto polo Goberno central como polo galego, están tendo o resultado «contrario ao que se pretendía, xa que contraen a actividade económica, destrúen emprego e empobrecen a cidadanía».

Igual que sucedeu hai uns días cando se coñeceron os datos da última epa, Comisións insiste en que a política de recorte do gasto público non pode ser a única saída da crise, pois «abócanos a unha espiral sen saída, con máis axustes, menos consumo, menos renda, menos actividade económica, menor recadación de ingresos e… máis axustes».

Por isto, o sindicato reclama outra política económica, así como unha reforma do sistema financeiro para garantir o crédito, unha reforma fiscal para obter maiores ingresos cos que financiar medidas de reactivación da actividade, favorecer a creación de emprego, mellorar a protección social e recuperar o investimento público.

Valoración PSdeG

O portavoz de Traballo do Grupo Parlamentario Socialista Miguel Angel Fernández criticou hoxe “as cifras históricas” de paro rexistrado na nosa Comunidade no mes de xaneiro, que ascenden a 271. 284 persoas, o que supón un aumento respecto ao mes anterior de mais 13.050 persoas (+ 5,05 %) .

Dixo que as únicas iniciativas de Feijoo para impulsar o emprego redúcense aprobar EREs, mentres o paro medra o dobre que a media do Estado.

O deputado socialista asegura que estes datos “supoñen o maior aumento de paro para un mes de xaneiro”, dende que existe esta estatística. Replica que a nivel estatal o aumento mensual situouse no 4.01%, e mentres en Galicia esta cifra situouse “un 26% superior”.

E no que atinxe á variación interanual o incremento do último ano “as cifras indican que é dun 18,69% superior para Galicia que para o conxunto do Estado”. No que se refire ao paro rexistrado, respecto a fai dous anos, “na nosa Comunidade aumentou nun 17,12%, fronte ao 13,62% de España”.

Así as cousas Miguel Angel Fernández cualifica de “rotundo e estrepitoso fracaso” as políticas activas de emprego do Goberno de Feijoo

Fuente: http://galiciaconfidencial.com/nova/9562.html?utm_source=dlvr.it&utm_medium=facebook


Entradas relacionadas:
 

Asociación "O Cabo" Corrubedo

Web da Asociación "O Cabo" de Corrubedo
Ver web ]

Ver enlaces interese
INELBA Instalaciones y servicios.
Inelba, le ofrecemos una amplia gama de servicios relacionados con las instalaciones y montajes eléctricos en general y las telecomunicaciones.  [ Ver web ]
Lampón Lampón Abogados.
Nuestra filosofía se centra en prestar asesoramiento jurídico personalizado y adecuado a las circunstancias personales de cada caso.  [ Ver web ]
Boxers do Agro das Viñas
Vos presentamos unha web onde se exhiben uns fermosos cans de competición de raza Boxer.  [ Ver web ]
Ver tódalas nosas webs
 
Portada | Diseño web | Publicidade | Informática | Contacto | ¿Dónde estamos?
© 2007 - 2015 www.CostaWeb.es   Tódolos dereitos reservados.