www.CostaWeb.es

Enseñanza, Diseño Web e Informática

 
 
 
 
 



En mi casa se habla...(ou a lingua galega como coartada e ben publico privatizado)
 
 Enviada o 06/10/2011 na categoría: Novas
Escrito por 6matriuska

A coartada utilízaa decote aquela xente, fato de desleigados/as, que despreza a lingua galega ou que non acha nese idioma un vehículo digno de comunicación. E sempre se formula da mesma maneira absurda: “Yo no hablo gallego, pero en mi casa se habla/habló siempre/de toda la vida…”. Tan absurdo como se un político afirmara: “Eu non son honrado, pero a nai que me pareu si…”. Quen así se expresa deixa inferir nas súas palabras, ao meu ver, algún dos seguintes subtextos:

a) O galego é endémico na miña familia. Son portador pero, grazas a Deus, herdeino a través do alelo recesivo. Convivo con ese xen sen máis problemas, pois non se manifesta. Porén, teño varios parentes nos que o galego é dominante e por iso facemos o imposíbel para que non llelo transmitan aos seus fillos. Hemos estado trabajando en ello… todos estes anos.

b) Son político, ostento un cargo público, son responsábel da área de normalización lingüística dunha Deputación… e non falo galego. Problema? Ningunito. Por que? Porque “en mi casa se habló gallego de toda la vida…”. Que significa isto? Pois que xa os meus devanceiros se sacrificaron, xa falaron/falan galego por min. O galego é unha peaxe de por vida, algo incómodo, un lastre, algo que non che permite avanzar na sociedade… Abonda con que esa cruz a levaran os meus pais e os meus avós. Eles eran pobres e atrasados, eu xa non. Eu son requetelista/o e por iso falo castelán e chupo cartos desta institución que me encargou promover o galego. Para lista eu!

c) Desprezo o galego porque son un desleigado/a. O galego é ademais unha negación ontolóxica da españolidade deste país e eu son español/a. Pero ostento un cargo público e isto non o podo dicir en alto ou non desta maneira tan abrupta. A mellor maneira de desprezar o galego, en sendo cargo público, é non falalo nunca ou facelo de xeito litúrxico e avesamente incorrecto. Desprezo tamén os falantes de galego, porque teiman en falalo sempre e negar a miña españolidade, o meu estatus superior. Lo hacen seguido, son un incordio. Por iso os odio: odio o galego e os falantes de galego. Pero isto tampouco non o podo dicir. Así que, en declarando que a miña familia o fala, ninguén pensará que son tan mala besta como para desprezar a meus pais ou os meus tíos da aldea, que si son galegofalantes. Aínda que coas miñas palabras e a miña actitude xa estea a desprezalos de facto… pero esa é outra historia. [Un modelo educativo, why not?]

d) A liberdade… O galego é unha cuestión de liberdade. Libertad sí, libertinaje no. “En mi casa lo hablan (ellos sabrán por qué…) pero a mí no me dio calado nunca…”. Cadaquén decide. Fóra imposicións. Vive la liberté! É unha opción, o galego é unha opción. Tamén o suicidio. Optar entre a vida e a morte. A que tanto novelo e tanta historia..?

e) Padezo a Síndrome de L’Oreal: moi extendida entre políticos conservadores galegos (PP/PSdeG) de medio pelo (nunca mellor dito) ou melena longa, tinxida, con mechas… Non me sae da cona/carallo falar galego… “porque yo lo valgo”. It’s all I have to say about that.
f) relacionado con d): estou afectado/a pola Síndrome do amigo gay: medularmente falando son homófobo, odio os maricóns anque por correción política teña que chamalos homosexuais, unha expresión que tampouco non me disgusta, porque circunscribe a este xente ao ámbito médico/científico, de onde nunca debeu saír. Total, odio os gays pero…. tacháaaaan… “tengo un montón de amigos gays..!”. Paradoxal, non si? Ter unha morea de amigos gays (aos que secretamente desprezo) é o que me autoriza a opoñerme ao seu matrimonio, recortar os seus dereitos civís e proclamar a súa inferioridade como cidadáns. Ter unha familia galegofalante é o mesmo: dáche carta branca para desatar as túas condutas máis fóbicas pero salvargadando, ao tempo, a túa honra. O presidente da Xunta é un caso sobranceiro da Síndrome do amigo gay: “No tengo nada en contra de mis amigos homosexuales..”, dixo certo día.

No fondo deste argumentario que latexa no desleigado subconsciente dos nosos políticos e cargos públicos, alenta unha idea que é o síntoma máis definitivo deste tempo popular que nos tocou viver. A privatización presídeo todo. O desmantelamento do público: a sanidade, a educación, a cultura… Todo o que considerabamos sagrado até o de hoxe, porque era público e como público era de todos/as e a todos nos atinxía, agora é privado ou camiña cara á privatización. Tamén o galego. O galego é un ben público, un ben común, que a Xunta de Feijóo teima en privatizar. Pola vía da redución e o acoso administrativo, en primeira instancia, e pola vía da domesticación: o galego é un asunto doméstico, íntimo, o galego volve ás casas, ao carón da lareira, ao lugar, así o cren, do que nunca debeu saír. Domesticar, domear, doma e castración… “En mi casa se habla… pero solo en mi casa”. E quixeran que o galego non saíra nunca de aí, da casa, do mesmo lugar no que fican as miserias ou onde se lavan os trapos sucios, dentro do armario, debaixo da alfombra… Para iso traballa esta xente e, incribelmente, por iso cobra.

Fuente: http://unpaisenlata.wordpress.com/2011/10/04/en-mi-casa-se-habla-ou-a-lingua-galega-como-coartada-e-ben-publico-privatizado/#more-1222


Entradas relacionadas:
 Lingua galega: "Bocaberta" estará en Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Boiro e Muros durante esta fin de semana
 Política: o ribeirense Manuel Ruiz Rivas, voceiro do PP, resposta sobre lingua galega
 Opinión Conclusións da Asemblea Xeral de socios/as da Asociación de Escritores en Lingua Galega
 CULTURA Francisco Pillado: “A Feijóo Galicia interésalle como lugar de devastación, só pretende facer méritos”
 Lingua galega: profesores do colexio de Aguiño participaron nunha xornada de formación como gañadores dun dos mellores proxectos de dinamización lingüística de 2010
 Asociación Galega para a Liberdade e a Democracia Apuntamentos de Asociación Galega para a Liberdade e a Democracia Notas sobre Asociación Galega para a Liberdade e a Democracia Explorar as notas Notas dos amigos Notas de páxinas A
 A importancia de chamarse galego
 No Baixo Miño en galego
 FLOR DE TOXO ORGANIZA UN RECITAL DE POESÍA GALEGA
 

Páxina oficial de Riveira

Páxina oficial do Concello de Riveira
Ver web ]

Ver enlaces interese
INELBA Instalaciones y servicios.
Inelba, le ofrecemos una amplia gama de servicios relacionados con las instalaciones y montajes eléctricos en general y las telecomunicaciones.  [ Ver web ]
Lampón Lampón Abogados.
Nuestra filosofía se centra en prestar asesoramiento jurídico personalizado y adecuado a las circunstancias personales de cada caso.  [ Ver web ]
Boxers do Agro das Viñas
Vos presentamos unha web onde se exhiben uns fermosos cans de competición de raza Boxer.  [ Ver web ]
Ver tódalas nosas webs
 
Portada | Diseño web | Publicidade | Informática | Contacto | ¿Dónde estamos?
© 2007 - 2015 www.CostaWeb.es   Tódolos dereitos reservados.